As Escolas depOUrtivas de Verán volverán converter o Pazo Paco Paz nun espazo de deporte, convivencia e diversión
O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá durante o mes de xullo unha nova edición das Escolas depOUrtivas de Verán, unha iniciativa promovida polo Servizo de Deportes da Deputación de Ourense que combina actividade física, ocio educativo e convivencia nun entorno seguro e adaptado aos máis novos.
Este programa nace coa finalidade de ofrecer ás familias ourensás unha alternativa de calidade durante o período vacacional, contribuíndo á conciliación da vida laboral, familiar e persoal ao tempo que promove hábitos saudables, a práctica deportiva e os valores asociados ao deporte como o compañeirismo, o respecto e o traballo en equipo.
As escolas están dirixidas a nenos e nenas da provincia de Ourense nados entre os anos 2012 e 2022 e desenvolveranse nas instalacións do Pazo Paco Paz ao longo de catro quendas semanais durante o mes de xullo. A actividade terá lugar en horario de 9.00 a 14.00 horas, contando ademais cun servizo gratuíto de acollemento matinal entre as 8.00 e as 9.00 horas para aquelas familias que o precisen.
As quendas previstas desenvolveranse entre o 6 e o 31 de xullo, ofrecendo aos participantes un programa pensado para favorecer a actividade física, a socialización e o aproveitamento do tempo libre nun ambiente dinámico e divertido. Ademais das actividades que se realizarán nas instalacións do Pazo, está prevista a participación nalgunha xornada semanal fóra do recinto deportivo.
O programa mantén unha clara vocación educativa e social, consolidándose ano tras ano como unha das propostas estivais de referencia para as familias da provincia. A combinación de deporte, xogos, actividades recreativas e convivencia converte as Escolas depOUrtivas de Verán nunha experiencia enriquecedora para todos os participantes.
Toda a información relativa ás inscricións e ao desenvolvemento da actividade pode consultarse a través da páxina web do Pazo Paco Paz e dos canles oficiais do Servizo de Deportes da Deputación de Ourense.
Información e preinscricións
📅 Quendas semanais dispoñibles:
- Do 6 ao 10 de xullo
- Do 13 ao 17 de xullo
- Do 20 ao 24 de xullo
- Do 27 ao 31 de xullo
🕘 Horario: de 9:00 a 14:00 h
✅ Acollemento matinal gratuíto: de 8:00 a 9:00 h (previa solicitude)
👦👧 Dirixido a nenos e nenas nacidos entre 2012 e 2022
💶 Prezo: 30 € por participante e semana
🔗 PREINSCRICIÓN ONLINE:
https://pazopacopaz.depourense.gal/inscricion-escolas-deportivas-de-veran-2026/