Información útil para as familias das Escolas DepOUrtivas de Verán
O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá unha nova edición das Escolas DepOUrtivas de Verán, un programa pensado para que nenos e nenas gocen das vacacións a través do deporte, o xogo e a convivencia nun entorno seguro. Co obxectivo de garantir o bo funcionamento das actividades, a organización lembra ás familias unha serie de recomendacións e normas básicas de acceso e participación.
Entre as principais indicacións, solicítase respectar os horarios establecidos, cumprir as normas de convivencia, coidar o material deportivo e manter unha actitude de respecto cara aos compañeiros e compañeiras. Recoméndase tamén que cada participante leve un pequeno almorzo e bebida para media mañá, ademais de roupa e calzado cómodos axeitados para a práctica deportiva.
O servizo de Madrugadores desenvolverase entre as 08:00 e as 09:00 horas, con acceso pola porta de prensa e punto de recepción na ludoteca. Pola súa banda, o horario habitual das actividades será de 09:00 a 14:00 horas. A entrada realizarase pola mesma porta entre as 08:50 e as 09:10 horas. Fóra desta franxa, e só por causas xustificadas e de maneira puntual, o acceso efectuarase pola porta principal, sempre acompañando o menor ata o persoal responsable.
A organización lembra tamén a importancia da puntualidade, tanto na entrada como na recollida dos participantes, que terá lugar entre as 13:50 e as 14:00 horas pola porta de prensa. Estas medidas contribúen a garantir un desenvolvemento ordenado das actividades e unha maior seguridade para todos os asistentes. O documento inclúe ademais un plano co acceso recomendado ás instalacións para facilitar a chegada das familias.
Desde o Pazo Paco Paz agradécese a colaboración das familias e anímase a todos os participantes a desfrutar dun verán cheo de deporte, aprendizaxe e diversión.