Publicadas as bases para solicitar bonificacións polo uso das instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz
A Deputación Provincial de Ourense publicou no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria e as bases reguladoras para a concesión de bonificacións dirixidas ás entidades que utilicen as instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz durante a tempada deportiva 2025-2026.
Poderán solicitar estas bonificacións as entidades deportivas, culturais ou recreativas que desenvolvan actividades de interese público, social, cultural ou deportivo, sen ánimo de lucro, e que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria. O prazo de presentación das solicitudes para as entidades que desenvolvan actividade durante toda a tempada será dun mes contado desde a publicación das bases no BOP. As actividades puntuais ou extraordinarias deberán presentar a solicitude coa antelación suficiente ao seu desenvolvemento.
As solicitudes, a documentación requirida e o modelo normalizado están dispoñibles na sede electrónica da Deputación de Ourense, nas oficinas do Pazo dos Deportes Paco Paz e na propia páxina web da instalación. As bonificacións concederanse en función dos criterios de valoración recollidos nas bases reguladoras.