Reparto de espazos do Pazo para a tempada 2026-2027
A Deputación de Ourense publicou a resolución da convocatoria para a utilización dos espazos deportivos do Pazo dos Deportes Paco Paz durante a tempada 2026-2027, na que se establecen os horarios e instalacións asignados ás entidades deportivas solicitantes.
A convocatoria recibiu doce solicitudes, todas elas admitidas, correspondentes a entidades de diferentes disciplinas deportivas, entre elas baloncesto, voleibol, ximnasia, fútbol sala, tenis de mesa, baile deportivo e balonmán. Os usos distribúense entre o pavillón principal, o pavillón auxiliar e outros espazos deportivos da instalación.
As autorizacións concedidas terán vixencia do 1 de outubro de 2026 ao 30 de xuño de 2027. As entidades deberán comunicar ao Servizo de Deportes a aceptación ou renuncia aos espazos e horarios asignados no prazo de cinco días desde a notificación da resolución. De non recibirse comunicación nese período, entenderase aceptada a asignación.
O acordo foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense nº 178, do 17 de setembro de 2026, e establece o reparto que permitirá organizar a actividade habitual dos clubs no Pazo Paco Paz durante a nova tempada deportiva.
Consulta a resolución completa no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.